Conforme se avanza na súa lectura, parece clarificarse que o destinatario principal da furia de Cristina Morales en Lectura fácil é o infantilismo. As que estamos nun proceso de crianza tamén deberiamos atender esa batalla, seguramente a máis importante que librar.
Unha tarde, no parque, afirmaba unha nai algo exaltada: «tratalas coma se fosen adultas, como nos gustaría que nos tratasen a nós!» Se houbera que resumir todos os traballos e dilemas que se abren criando, ben podería valernos de mantra. Iso inclúe, nunha coreografía na que —como aseguraba para as cuestións amorosas Julian Barnes— «o momento perigoso é sempre», e frecuentemente un baila de máis ou de menos, a cultura á que decidimos darlles acceso.
A saga de libro-discos de Sira e o robot sabe non ser infantilista. Queren lanzar o cuarto título este nadal e precisan axuda, neste crowfunding explícase moi ben o proxecto e as recompensas. Para quen non saiba del, Sira transcorre no 2050, en The New Galicia, onde o galego e o inglés son linguas co-oficiais. Con esa escusa distópica van armando unha ópera pop que sabe afastarse dos simbolismos precociñados e as voces edulcoradas que se supón entenden mellor as nosas fillas. Tampouco xoga a engaiolar as maiores —que son as que se deixan os cartos— con chiscadelas culturais distinguidas. Hainas, pero expresadas dun modo tan felizmente ágrafo e idiota que funcionan nos dous niveis. E as nenas danse de conta. Elas pillan as movidas [«que saberán», deben pensar ás veces].
E ademais, e como sen propoñerse tal cousa, saben facer hits ao alcance de poucas. Entrade osmar, paga a pena. §
—por Sobre as cousas