Volta á orde, 3

E, triste nova, o feminismo xa non é esa luz. Ou non só. Agora, en tempo récord, como pasa con todo, xa non nos parecen tan de fiar, xa se lle ven contradicións por todas partes. Xa a cousa colleu tamañazo, e hai negoci, moitas posicións en xogo. Pelexan entre elas, divídense e hai unha xerarquía moi evidente. As que chegaron primeiro, as da segunda ou terceira onda, tratan de bloquear as últimas, máis centradas en cuestións de clase ou de disolución dos xéneros —a teoría queer— e menos na clásica igualdade, e danse discusións —de aparencia ideolóxica e substrato económico— moi virulentas.

Que, nun primeiro nivel político, a suposta unidade —sempre ficticia, construída, coma todas— se estea descompoñendo; que, descendendo ao noso ámbito, os seus obxectos culturais non nos gusten (máis que os nosos), que —cando isto é certo— non teñan a forza nin a coherencia ética nin a altura esixible ao órdago planeado, non pode invalidar a marcha. Hai que facela, hai que tirar esas estatuas, hai que cuestionar esas obras mestras. Logo xa se verá. Xa verán o que fan.

Pero dá mágoa que atopen tan axiña a oportunidade os agoreiros, que somos —dun xeito ou de outro— todos os homes. Todos os que sentimos diminuír o noso sitio. Os que pensaron que por fortuna —aínda que doese—, os que non pero saben que non deben manifestalo en público, os que bufaron.

Que espectáculo, igual ca nós. Habrase visto. §

por Sobre as cousas