Volta á orde, 2

Hai algúns anos uns colegas miraban as páxinas de crítica de discos dunha revista musical. Un deles, tras follealas con desgana, afirmou: «Todos estes son coma nós, só que se dan importancia».

Parafrasando o nome dun dos grupos máis queridos nestas páxinas, poderiamos dicir que os amigos dos músicos molan tanto coma eles mesmos, os músicos. Ou polo menos que, a miúdo, senten os proxectos tanto coma eles. E que, dende logo, reciben menos do que dan.

Aquí rematan os símiles musicais. Desembocando no asunto que nos ocupa, os simpatizantes e militantes dun proxecto político, os seus votantes, non adoitan ter menos fe nesas iniciativas, ou na base ideolóxica ―polo menos na esquerda― que estas representan, que os seus cadros e líderes.

A esquerda galega viviu, na última década, un proceso de escisión por todos coñecido. O BNG, por abreviar, esgazouse en dous. A nova facción, á luz do acaecido no 15M, decidiu romper coa ortodoxia anterior, e ensaiar unha fronte común que recollese esa onda de demandas e se aliase con outras correntes de esquerdas, algunhas delas lonxe do nacionalismo do proxecto nai.

As denominadas ―tamén por abreviar― Mareas primeiro gañaron, e perdeu o Bloque, e uns anos despois pasou o contrario. Como vasos comunicantes, as súas fluctuacións simétricas parecen exemplificar que, probablemente, só exista espazo electoral para un dos dous. O Bloque, un lustro despois, entendeu o presente, e botouse por el, en boa parte inspirado polos apuntamentos dos seus competidores. Agora, nestes días, parece conter o espírito do tempo progresista. Axudado ás veces por análises tan acríticas que invitan á incredulidade, ou ata á sospeita. O storytelling do espectro do BNG destes días, á luz do seu ciclo fulgurante, parece obviar que as súas viradas están cheas, como é natural, de préstamos e conxunturas, para centrarse nunha narración de corte novamente adanista.

Agora, volve ser esa casa nai da esquerda galega. Xa acolleu de volta a algúns dos fillos pródigos, e é de supoñer que ese trasvase non faga senón crecer. A sensación é que uns e outros, os representantes políticos, no fondo, nunca perden de todo. Disgréganse, agrúpanse… sempre saben colocarse.

Así, que lle queda aos seus seguidores? Que teñen que facer agora? Que han de facer os que creron no asunto de verdade, ou polo menos con maior desinterese? A esa base que interiorizou a liorta e as diverxencias e apostou por ser parte de, sen moito rédito, sen recompensas ególatras, con pouco afán de representación. Hai que seguir agora a Ana? A outra figura nova, a calquera? Teñen que seguir pensando que fan falla as figuras, os políticos profesionais, os desenvoltos, os «senvergonza?» Hai que seguir sen decidir por nós? §

por Sobre as cousas