E agora, todo parece volver ao rego. Todo se agrupa, agás a pandemia, pero iso quizais xa nin conte. Ou seguramente si, e sexa o que está detrás, aniñando todo o panorama, empurrando aínda máis as fileiras na mesma dirección. Pode que todo se esté colocando en torno ao seu burato, ata redebuxar a cara do coñecido. En fin, van unhas liñas urxentes e pouco útiles.
Este domingo son por fin as eleccións, e o único que nos parece ocupar a nós, á esquerda, é Ana Pontón. Cada vez máis agradable, abrindo a boca e os brazos, o pelo máis brillante. Nai, tamén. A súa campaña chéganos, e pensamos que se isto é así é que acerta, funciona. Esa convicción quizais se agreta ao ver a do presidente. Feijóo en azul rutilante, e letras compactas; con garavata e diríase que arremangado, cara adiante, como os xornalistas clásicos, mirándonos con viveza. Coma un raposo, un listo, o que quereriamos ser. Benedicta, a súa avoa, tamén nos acolle, como un manto por enriba. A lo grande todo, o pop grande. Como gañarlles no xogo de facelo a lo grande?
Logo están as de Podemos, como xa se lles chama, definitivamente. Van ir ao carallo, e con elas a heterodoxia, o mestizo dicían. As inadaptadas —á intemperie aseguraban—, e iso se se formula nunca é moi certo. Poida que a clase media se rompera no 2008, poida que dela só quedase en pé o estilo, pero iso xa é moito. Un cuarto quente, ao que poder volver. Non sexamos inxustas: o entullo non agocha que as iniciativas cidadás seguen a ser a máis xusta das ideas, e o municipalismo a única escala gobernable. Pero a lección deste ciclo poida que sexa que, de existir dentro das institucións, quizais non debamos arelar que nos representen. Ese tempo xa pasou, e deberiamos concentrarnos no fóra da política representativa. Poida que só aí estea o tempo útil.
Ao noso arredor, unha idea colle forza: a xente non nos entende, non sabemos chegar a ese pobo ao que aspiramos a pertencer. Feijóo e Vox si, aseguran esas voces, algunhas de volta da extrema esquerda, e ás veces ese desencanto lévaos a se arroupar coa batamanta do rojipardismo: coa idea da protección, do noso. Tamén, e vía populismo, por certa posmodernidade cultural fóra de tempo. Hai, segundo eles, que baixar o nivel para ser entendidos. Boa sorte nesa viaxe.
Remataron, pois, os anos dos non liderados persoais, quizais porque non se chegaron a poñer en práctica coa suficiente convicción. Volta ás estruturas fortes, ás bases marciais e ás figuras convencionais. §
—por Sobre as cousas