A universidade non realista

O outro día, nun grupo de whatsapp, un compañeiro do instituto bromeaba coa proposta dalgunhas asociacións estudantís de suspender o curso e dar as materias por superadas. «Estoy a tiempo de matricularme aún? Ingeniería Aeroespacial me cundía tener primero limpio». A impresión xeral por alí era que sería regalar parte do título e devalualo; que sería unha solución vaga e algo aproveitada aos problemas derivados da pandemia. A miña primeira impresión, no primeiro momento en que lin sobre a idea, foi que non era unha proposta realista. Hoxe, sen estar dacordo coa idea de suspender o curso*, xa non penso o mesmo, e iso faime pensar nunha cuestión bonita: cando o mundo arredor deixa de parecer realista, as ideas xa non teñen que selo.

Isto dá medo e dá esperanza a partes (espero) máis ou menos iguais. Medo porque as solucións fascistas tamén se poden aproveitar disto. Hoxe non nos parece entolecido que nos poñan unha app para ternos localizados permanentemente ou ver ao exército ao mirar pola ventá. Esperanza porque pode reactivar a imaxinación revolucionaria (case me dá reparo escribir estas dúas palabras de tan desactivada como a teño). Se cadra podemos saír da idea neoliberal do que é realista e imaxinar solucións novas a problemas que existiron sempre. Superar a noción de que non hai alternativa a vivir pensando en producir, en ser útiles, en ser rendibles, en cuantificar permanentemente o que somos e o que facemos para competir co resto.

Nese sentido, preocúpame que os debates arredor da educación acaben xirando máis sobre as notas que sobre a aprendizaxe, pero a proposta de que alguén poida superar o curso sen pasar o proceso de avaliación pensando en que hai xente que non ten acceso aos materiais, que ten que asumir coidados dunha persoa enferma ou que ten depresión paréceme bonita, paréceme humana. Faime pensar en se é realista dar o curso por superado cada vez que pasa isto, que co coronavirus é máis habitual, pero pasa todos os anos. Tamén en por que nos pareceu sempre realista o contrario. Aínda que se cadra non é cuestión de aplicar as mesmas solucións a todo o mundo, senón adaptarse (non agora, sempre) aos problemas de cada quen. O mercado non está preparado para as persoas que se dedican aos coidados, que son o traballo non remunerado por excelencia. O mercado non coida, máis ben ao contrario. Debe a universidade formarnos para atoparnos co mercado e non asustarnos demasiado? É por iso que teñen que ofrecerme unha tarxeta de crédito do Banco Santander cando fago o carné da USC? Supoño que é (era?) a opción realista.

Igual é o momento para pensar unha universidade non realista, que poda afastarse do cinismo e a crueldade do capital. Antes de que nos viñese isto enriba estaba falándose bastante da precarización do profesorado asociado ou interino e das malas condicións laborais da investigación. Como esta funciona en base ao mercado, o obxectivo para poder acceder a un traballo mellor é conseguir publicacións «de impacto», confiando en que ese impacto (filtrado pola industria dos papers) se corresponderá coa calidade. Tamén é importante publicar moito, aínda que sexan refritos. E botar moitas horas non remuneradas, cos niveis de estrés e problemas de saúde mental derivados. As esixencias do lado da investigación, cun tempo que non está medido, fan que sexa moitas veces máis rendible (ou produtivo, ou útil) adicar o menor tempo posible a preparar clases e atender ao alumnado (ou a vivir a vida fóra do traballo). Ao final, cousas que debían ser profundamente humanas (a docencia e a investigación), ferramentas para construír unha sociedade mellor e que se coide máis a si mesma, van perdendo a súa natureza máis aló das boas intencións de quen as teña. En Capitalist Realism, Mark Fisher sinalaba como os excesos da burocracia e os problemas xeralizados de saúde mental podían servir para amosar as debilidades dese realismo (é dicir, do que presenta o capitalismo como único sistema posible). A universidade é un espazo perfecto para velo. Pero bueno, escribindo isto véñenme á cabeza á vez a sensación de que non estou dicindo nada que non sexa evidente e a de que estou sendo deliberadamente iluso, que non teño en conta unha chea de variables que seguramente non coñezo ou non entendo. Que non estou sendo realista.

Igual está ben que non haxa unha fronteira clara entre o sentido común e o pensamento máxico, ou que empece a habela entre o realismo e o real. Non teño ningunha solución concreta a nada, pero anotei dúas citas de antes desta realidade para acabar de pensar no asunto do realismo de agora. A primeira aprendina na universidade, a segunda en internet.

«Non existe un realismo que sexa válido para todas as épocas. Cada época ten o seu propio realismo. E isto é debido a que cada época posúe a súa propia ideoloxía».
[Pier Paolo Pasolini]

«cando todo remate correremos polo monte / cando isto remate construiremos outra cousa (…) cando todo remate xa non teremos máis medo (…)
a vida despois do colapso
europa despois do colapso
a anarquía despois do colapso
as túas amigas despois do colapso
galiza despois do colapso»
[Bloque]

*Creo que o problema non se arranxa suspendendo as clases, que para o alumnado que pode seguilas serven para seguir aprendendo cousas e, se cadra máis importante agora, para ter a cabeza entretida con algo e unha certa rutina. Igual é cousa miña pero ter este traballo (son profesor interino) estame axudando a non tolear moito. Penso que o problema non está en dar clase; está (e está sempre, aínda que sexa en menor medida) en como avaliar a xente que parte de circunstancias radicalmente diferentes, con eses casos nos que nin sequera ten os recursos materiais para seguir as clases. Aí poderíamos ir dende a proposta de dar as materias por superadas ata outras que, sen chegar a ese extremo, tenten ter en conta a problemática e adaptarse ás necesidades de cada quen. A min paréceme máis xusto, pero esa adaptación debe ter garantías, porque as boas intencións poden ser insuficientes. Vai haber quen teña que pagar unha nova matrícula logo de non presentarse por non ter acceso ás clases ou por ter que facerse cargo de coidados na casa? Que pasa se alguén ten que botar un ano máis facendo a carreira (e pagando aluguer) por causa disto? Seguramente a xente máis afectada vaia ser a que xa está afectada polas diferenzas de clase, e se as universidades non fan dabondo por salvar esa brecha poden facela máis grande. Aí entra a dúbida de se deben parecerse ao mercado ou resistirse a iso. §

por Cibrán Tenreiro

One thought on “A universidade non realista”

Os comentarios están pechados.