Movida

Dicía o chiste que, pasados os corenta, se non che doe nada é que estás morto. Tomando como ano de referencia 1980, a chamada Movida cumpre os corenta nestas datas. Un fenómeno cultural que, en certa forma, aínda segue vivo grazas ás mancadelas que recibe dos que o criticamos (haberá que parar xa?).

O que en tempos se considerou sinónimo de vangarda artística e transgresión é catalogado hoxe, cada vez máis e por máis xente, coma o que probablemente foi: un fenómeno impulsado polos gobernos socialistas para simular, ao xeito posmoderno, un cambio sociolóxico que non se estaba a producir nin a nivel social, nin político, nin institucional, nin económico.

A Movida foi coma «o gran calote do rock’n’roll» que cantaban os Sex Pistols. Serviu de xoguete para algunhas elites culturetas pero non deu conta, entre festa e festa, da continuidade do estado franquista na Segunda Restauración Borbónica. Unha continuidade que hoxe, co regreso da España carpetovetónica de Ortega Smith e Felipe VI, resulta evidente.

Recentes traballos investigadores sobre o mundo da arte —como La cultura en transición, de Giulia Quaggio— mostraron o carácter artificial, subvencionado, oficialista e, á postre, politicamente domesticado, daquel movemento. Unha función semellante, mutatis mutandis, á que cumpriu o expresionismo abstracto norteamericano e que, para esta autora, ten xa a súa orixe nos plans modernizadores de Manuel Fraga no Ministerio de Información e Turismo.

No eido músical, catro décadas despois, podemos achacar aos estragos da idade os coqueteos fascistoides da musa da Movida, Olvido Gara. Á fin e ao cabo, derroteiros semella­ntes seguiron outras divas seudotransgresoras coma Brigitte Bardot ou Morrissey. Porén, o regreso de La Polla Records para facer algo de caixa de cara á xubilación, en comparación coa evolución da muller de Mario Vaquerizo, é un exemplo de dignidade.

A Alaska actual ilustra tamén o que puido significar ideoloxicamente a Movida musical —con todas as excepcións que queiramos, obviamente— en comparación con ese fenómeno paralelo, pero subterráno e díscolo, que foi o Rock Radical Vasco. Se uns puñan os colorinchos á reforma pactada, os outros enturbiaban o ambiente co espírito da ruptura.

En canto á emulación provinciana da Movida madrileña en Vigo, que dicir cando percibimos nitidamente as consecuencias da desindustrialización promovida naqueles anos polos gobernos socialistas que se fotografaban cos modernos? O Vigo obreiro desapareceu. A cidade é hoxe un ermo económico que, carecendo de ningún modelo de futuro, oculta a súa decadencia dando palmadiñas compracentes no lombo dun showman. A Movida inaugurou no Estado español a espectacularización pop da política. O posberlusconismo é un estadio moito máis avanzado desa mesma lóxica. Hoxe os políticos xa non se fotografan con bufóns porque hoxe os políticos son os bufóns. §

por David Rodríguez