Función lectora

Un texto non está rematado ata que se le. A persoa que o le dálle sentido. Sen esa lectura, o texto é non só inútil, tamén baleiro e estéril. O destino do texto condiciona a escrita do mesmo? Seguramente. Eu, por exemplo, non sempre escribo igual.

Cando escribo unha postal indo de viaxe penso na persoa a quen lla mando, claro. Cóntolle as miñas vivencias, doulle unha visión subxectiva do lugar visitado, pero busco contextualizar a mensaxe en relación coa persoa destinataria.

Cando fago un artigo na Galipedia redáctoo sen saber quen o vai ler, nin cando. Aquí busco unha neutralidade na redacción, que non obstante non podo acadar. A obxectividade é imposible de lograr ao redactar unha enciclopedia; mesmo o feito de escribir sobre un tema e non outro, ou sobre unha persoa, lugar ou evento, e non outro, xa é en si unha falta de neutralidade. Pero a persoa que le a Wikipedia debería sabelo. En xeral calquera persoa ao ler calquera texto debería cuestionar e dubidar, pero isto xa é outro tema.

Cando escribo unha canción para Columna Vegana fágoa para min, para nós (Corbi e eu, os membros do grupo), pero en certo modo tamén para o público que escoita. Até o de agora demos un concerto, e coñecía a maior parte do público, que saben cales son os meus referentes culturais e hai unha interactuación pavera. Con todo, un escenario desde o que se actúa crea unha situación de privilexio, que impide que os textos poidan ser cuestionados no mesmo momento en que se len.

Cando fago un exame penso na persoa que o vai ler, porque sei que me vai avaliar. En certo modo un exame é como un cadáver exquisito, no que se vai escribindo un poema sen saber o que se vai escribir a continuación. O profesorado ‘agarda’unhas certas respostas, pero sempre hai oco para a improvisación, claro. Mesmo pode ser —e debe ser!— que o profesorado aprenda algo lendo os exames que formulou.

Cando fago sexting si que escribo pensando na persoa lectora, e no feedback inmediato claro. Escribo para excitar, en base aos gustos da persoa que le. Estoume vendendo como escritor aos gustos da persoa lectora? Non, porque antes de escribir sei que a interrelación naceu porque á outra persoa lle gusta o que escribo.

Cando escribo un post en Facebook busco o chiste, a paiasada, o caer ben, pero non só. Úsoo a modo de diario. Gústame cando me di: «Hai hoxe oito anos subiches esta foto en tal sitio». Entón eu tamén son lector ao que van dirixidos as miñas entradas no Facebook.

E este texto para Sobre as Cousas? Por que o escribín, e para que o escribín? E ti? Para quen escribes?

—por Adrián Estévez Iglesias