Este verán proxectouse un ciclo de Jim Jarmusch en Compostela. Os seus primeiros filmes xunto a algúns dos que a el máis o inspiraron. Os anacos elixidos para a promoción xa eran moi sedutores, para calquera afeccionada ao cinema e para as formadas nos oitenta-noventa en particular. E na sala, a escuras, vendo algunha daquelas, como Mystery Train, volvía atrapar o peculiar estilo do director.
As súas son obras cun sentido estético moi refinado, pero á vez intuitivo, coa lixeireza do non puído. Tamén adoitan ter unha estrutura moi mínima, funcionar con poucos elementos. O que se di importa menos que o ton, o aceno. Roupa, música, modais… tamén os silencios. Un espectro tan reducionista que, por iso mesmo, é capaz de conformar moi bos arquetipos, cheos diso que adoitamos chamar actitude, de certa conduta moi inspiradora.
Falamos da conduta cool, dende logo. Ese anglicismo que destinamos ás cousas que nos chaman a atención pola súa personalidade diferente. Pero tamén por conseguir manterse baixo control, lonxe dunha excesiva emotividade. As personaxes de Jarmusch adoitan conterse e, ante todo, deixar de facer bastantes cousas das chamadas convencionais. A súa idea da elegancia é actuar o xusto e baixo parámetros propios. Sen dar moitas explicacións, sen falar de máis. Con certa estoicidade. Sen queixarse moito, vaia.
Daquela, o paradigma cool, se algo constrúe, é unha distancia. E xa sabemos que as cousas canto máis lonxe mellores parecen. Relocen máis. Non sabemos se Mystery Train ou outras fitas do seu autor son bos ou malos filmes, pero o seu efecto non se esgota, reverbera na espectadora e acompáñaa tempo despois, quizais por sempre, como determinadas sensacións.
Con Manolo adoitábamos falar de Jarmusch, e doutras moitas artistas. Este setembro faremos, os que o tratamos en vida, cinco anos sen el. Adoitábamos emparentalo con todas esas cousas externas que nos parecían con clase, cool. Era, pensabamos, parecido a elas. Como toda esa xente, correntes, obxectos, músicas, libros ou filmes, Manolo era capaz de encarnar para nós algún ideal. De construír un efecto que sabía non esgotarse; de, en definitiva, espertar admiración. A morte chegoulle con pouco máis de corenta anos e con ela, parécenos, a fin dunha mocidade expandida. De xeito colectivo, xeracional: alí rematou a súa pero tamén a nosa, a das súas amigas. A fin dunhas décadas caracterizadas pola suxeición aos referentes culturais. Polo externo, máis que polo común.
Un lustro despois, o seu recordo non mingua. Hai ―cada ano máis― outras mortes, pero a súa ten toda a traza de ser a que máis imos notar, a máis presente. Porque, claro, a súa desaparición tamén foi a nosa. A dun proxecto ―dá igual se errado― de longa duración. Sen dúbida excesiva, grotesca.
O seu enterro congregou moitas persoas de parecida idade e extracción, converténdose tacitamente nunha especie de funeral (do) indie. Aquilo estivo ateigado de xente, e iso, tratándose da despedida de alguén coma el, un tanto freak, con atractivos ás veces non doados de apreciar, dono dunha sociabilidade de ben poucas concesións afectivas; alguén ―sobre todo― que preferiu deixar de facer tantas supostas obrigas, impactounos. Tanto que non deixamos, nestes cinco anos, de darlle voltas a ese acto e o seu significado, sen moita claridade. Só acertamos a concluír que o estilo exerce moito poder sobre a xente.
Na memoria do culto ao estilo; na desa fascinación, hoxe, estas liñas que a Jarmusch e, como non, ao propio Manolo, lle parecerían algo noveleiras. §