Tras o 15M pareceu boa idea calar unha tempada. Ao fin estaban as cousas importantes en liza —repetíamonos—, e diante diso a habitual lírica sobraba, non era lexítima. O que urxía era poñerse ao servizo, axudar, non enrarecer, ser guiado. Intencións demasiado transcendentes. «Todo é terrible pero nada é serio», deixou dito o novelista Casavella, e o ciclo político da década dos dez é unha boa mostra dese aserto.
O das prazas morreu, mais daquilo xurdiron agrupacións que apostaron pola contenda parlamentaria. A historia é coñecida: entramos no hemiciclo, accedemos aos medios e, sobre todo, conseguimos o mando nalgún municipio.
Non pasaron nin dez anos, e pareceron mil. Hoxe, no 2019, rematando a década, o ruxerruxe do desencanto está por todas as partes. O seu cheiro tamén está detrás da volta á escrita. A nova política, ademais dos seus innegables acertos, xa fixo moitas das cousas que prometeu non facer. E todo foi máis intenso e doeu máis porque nesas candidaturas cidadás, ás veces, había xente próxima. Algunhas desas persoas resultaron electas, e outras atoparon, por mor deses procesos, algunha caste de ocupación laboral. E iso acabou sendo, en demasiadas ocasións, un problema. Porque, tácita ou expresamente, pedíuselles ás que non deron ese paso, ás que ficaron na mesma posición do inicio, a da mera simpatizante, que fosen leais. Leais a que, poderiamos preguntar. Ao existente, ao que queremos?
Difícil saber moverse aí, camiñar nese arame. Discernir cando hai que calar e cando hai que exercer a crítica. Que significa dar a opinión e sobre todo onde hai que dala. Que se gaña e que se perde. Que debe facer a esquerda.
Pois a esquerda falou, non parou. Non se falaba tanto de política dende o antifranquismo. A leria, alentada pola rede, deixa un libreto indecoroso: traxedia e farsa a tempo real; sermóns e disquisicións completamente estériles; neoloxismos e novas metodoloxías; voces impostadas, egos permanentemente inflamados. O nivel de ansiedade preferido en Palo Alto, California. A nós, acostumadas a certa indecisión, pareceunos que a miúdo varias faccións tiñan razón á vez. Noutras ocasións, que ningunha. E en case todas que, de demasiado cerca, aquilo non nos era soportable, que o xogo da representación ten unha cociña na que non nos sabemos mover. No more.
Así e todo, algo substancial queda en limpo: as mellores experiencias foron no ámbito do municipalismo. Dito doutro xeito, só nos soubemos controlar medianamente na pequena escala. Aí, a cousa séguese parecendo máis ao que se pretendía facer. Xa tivemos catro anos de goberno dalgunha desas corporacións e, no caso de que as condicións de vida da xente común empeorasen, é razoable non atribuír moita responsabilidade a uns concellos que intentaron, con maior ou menor fortuna e honestidade, facerlle algo de fronte —simbólica e ás veces material— a un escenario sistémico tan adverso. Catro anos nun sitio non dan para moitas mudanzas troncais, así que deberían poder dispor doutra lexislatura, para ver se, con sorte, algún deses carreiros abertos queda para sempre.
O domingo que vén, 26 de maio, hai novos comicios municipais e parece boa cousa elixir as iniciativas que nos resulten menos verticais, votalas para que poidan gañar e logo vixiar que non se despisten. E mentres tanto, nalgún momento, botar unha man noutros procesos, eses de escala aínda moito máis pequena. Onde a ausencia de cartos fai que todo circule doutra maneira. §