Ano 1815. Wellington viña de vencer a Bonaparte en Waterloo. Europa pasaba do Termidor á Restauración. Era un tempo de reacción fronte o período revolucionario iniciado na Francia de 1789. Inglaterra convertíase en potencia hexemónica e será o país que encabece, durante todo o século XIX, «a gran transformación» —en termos de Karl Polanyi— que supuxo a revolución industrial.
Hoxe, inmersos noutro tempo de restauración, o filme Peterloo (2018), dirixido por Mike Leigh e con asesoramento da historiadora Jacqueline Riding, resulta acaído para non perder o norte.
Na fita de Leigh está todo o que xa puidemos ler en autores como Edward Palmer Thompson ou George Rudé: a introdución do tear mecánico; o amoreamento da incipiente clase obreira en barrios insalubres tras a expulsión e acaparamento das terras comunais; a arbitrariedade e os excesos do aparato de xustiza na persecución dos pequenos delictos contra a propiedade; os abusos das leis dos cereais que impedían a importación e encarecían o prezo do pan; o folclore dos barrios obreiros (coplas das desventuras da xente traballadora, música para os tempos de lecer…); as diferenzas no xeito de falar e no sentido do tempo das distintas clases sociais; as seitas relixiosas radicais que opuñan a igualdade do cristianismo primitivo fronte á desigualdade do capitalismo; a apelación ao dereito natural e ás liberdades antigas que figuraban na Carta Magna; os clubs de debate (espazos de socialización onde se forxaban liderados e as obreiras tomaban consciencia da súa situación); os clubs de mulleres (organizacións pioneiras do movemento feminista); a prensa obreira; a loita pola democracia, a través da reivindicación do sufraxio universal; a tensión entre a estratexia armada e a pacífica; a suspensión do habeas corpus, logro dos revolucionarios ingleses do século XVII; o papel das masas nos cambios políticos; en suma, o nacemento da «cuestión social» que remataría coa «arcadia» paternalista da vella Inglaterra e da vella Europa.
En 1819 a cabalaría británica perpetrará unha carnizaría contra o pobo traballador concentrado en Saint Peter´s Field. Milleiros de homes, mulleres, nenos e nenas con talante festivo e pacífico reuníranse nese lugar de Manchester para reclamar unha reforma da Constitución que permitise o sufraxio universal e votacións anuais. As autoridades consideraron a concentración un acto sedicioso, insurreccional [lémbranos a algo da actualidade?].
Coma un reflexo invertido das glorias militares británicas no estranxeiro, os feitos de Manchester pasaron a denominarse o masacre de Peterloo. A coroa, en complicidade coa burguesía, asasinaba ao seu propio pobo en prol da protección da propiedade privada.
Karl Marx tiña un ano en 1819, pero tras Peterloo nada volvería ser igual. §
—por David Rodríguez