8M

Na cafetería soa «Soldadito marinero», de Fito & Fitipaldis, e cando chega o seu famoso retrouso —Soldadito marinero conociste a una sirena / De esas que dicen te quiero si ven la cartera llena—, na cabeza debúxase un que cabróns somos, deberíannos arrasar. O plan perfecto, dominámolas e por enriba culpámolas.

A canción data do 2004, e vai camiño de converterse nun clásico, deses que seguen soando sempre. Seguramente xa non se esté en tempo de evitalo, chegamos tarde. Pero quizais estean emerxendo agora algunhas oportunidades para que callen cambios tan improbables coma este. Procesos en curso que quizais consigan que, nun futuro, eses ou parecidos versos se deixen de escoitar coa mesma aquiescencia. Que se rompa o consentimento que rodea a esa retórica. Que, incluso, se acabe por deter a súa infinita rexeneración.

E todo se está movendo porque hai xente, as tías, que levan un tempo propondo e rexeitando un feixe de cousas ata hai nada impensables. No último lustro, da muller parece emerxer todo. Do movemento feminista, que —a diferenza do resto do que entendemos por esquerda—, parece alimentado por un lume non fatuo. Converteuse nun sinal na noite, unha agulla de marear.

A nós, aos homes, estános custando. É demasiado o que nos fan aprender. O cúmulo de evidencias e revelacións. Os cambios que asumir. Dende logo, queixarse non é lexítimo, pero tampouco o é finxir. Ser homes, crecer como homes, educarse como homes foi —ata día de hoxe— sinónimo de ser machistas, e iso non se pode maquillar. Ben, poder pódese todo, dende logo, pero salta á vista. Digámolo xa: non imos, nos días que nos resten, limpar dabondo, quedar a pre. E esa asunción, xunto á esixencia de intentalo, parece un bo xeito de empezar a andar.

Aquí estamos, sen fisuras, coa folga do próximo 8 de marzo. Na facción de paro exclusivo de mulleres, e durante toda a xornada. Ningún exemplo concreto, contradición, aliado indesexado, dano colateral, arribismo, caricatura; ningún apoio teórico —por sólido que pareza— vai distraermos dabondo do que parece esencial. Que do que se trata é de voltear as cousas, colocar do revés o que sempre pasou, aínda que sexa un simple xesto simbólico. Porque as cousas, ata agora, foron que a muller nunca parou. E os homes temos esa situación tan naturalizada —si, ti tamén— que nin pensamos nela. Pero, como se dixo estes días, se esa estrutura de privilexios caese a merda chegaríanos ata o pescozo. E aí, seguramente, non nos quedaría máis remedio que pensar nesa outra esfera, paralela á nosa, algo menos ideal.

Veña, que é todo máis simple, feliz 8M §